jueves, 11 de diciembre de 2008

Tele 2.

Esta mañá , mentras ía no coche cavilando sobre o incidente televisivo de onte , lembrei unha curiosa foto dunha pintada que María e máis eu sacamos fai xa moitos anos en Pisa.
E non puiden evitar un sorriso , claro.

miércoles, 10 de diciembre de 2008

Un televisor menos no mundo.


Dous días despois de mercar no Ikea un taburete para poder ver a tele dende a cama , o pobre deixou de ter utilidade. Hoxe pola tarde no medio do sopor máis absoluto ,Jana e máis eu decidimos facer un pequeno combate de loita libre para desperezarnos.
Empezou como sempre cun par de sopapos e algún mordisco pero a cousa acelerouse.
Nunha rápida maniobra de despiste , superdog fixo un amago e lanzouse como un foguete baixo a cama na percura de refuxio . Como o sitio é pelín escaso , enganchou o pescozo co cable do televisor arrastrándoo tras de si.
Eu que nese momento estaba quitando o reloxo para que non houbese feridos nas manobras bélicas , saltei como un resorte pero a pobre tele botou na cama e de alí directa ó chan sen que puidese facer nadiña. Caiu como un sapo boca abaixo facendo un ruido como se a alguen se lle caese a ola expres polas escaleiras.
Voltei a subila ó taburete con coidado , enchufeina , e cando a encendín convertírase nunha radio.
Escoitase mellor que nunca , eso si , pero non se ve nadiña. Nada. Negro total. Nin un puntiño deses que saían nas teles de antes e que se ían facendo máis grandes , como se a imaxen viñese no Castromil dende a Cañiza. Valeiro total e Enma García convertida en locutora de radio.
Non sei se estas cousas teñen amaño ou se será mellor baixala ó contenedor directamente.
En fin , que vendemos taburete seminovo e regalamos radio .

miércoles, 3 de diciembre de 2008

Curtametraxe


E o domingo , máis neve.

sábado, 29 de noviembre de 2008

Branco



O que máis me gusta da neve neste país é que , como si soupese que a agardamos para xogar con ela , sempre ven en fin de semana.
Hoxe o que na cidade era un día frio , chuvioso e gris , tanto na aldea terremota como en Calvelo era unha fermosísima nevada. Non direi que foi un placer ir a traballar porque o máis selecto da fauna invernal veu de visita á oficina pelexando contra os elementos , pero si pagou a pena ir para ver nevar así. Coa autoestrada parcialmente cortada e o asfalto como unha pista de patinaxe , volvín cedo para a casa.
Despois , algo máis preparados subimos a Calvelo para disfrutar da paisaxe , sorrir e correr como nenos pequenos.

jueves, 27 de noviembre de 2008

Café na trincheira


Hoxe era feira na aldea gala , e como todos os días de feira , a vila encheuse de xente curiosa que en lugar de baixar no Castromil parecen ter saido dun tunel do tempo. Por todas partes pasean homes e mulleres vestidos de luto que veñen á feira dende os pobos da periferia a comer o pulpo , mercar fouces ou sementes e cobrar a pensión. De un tempo a esta parte as feiras non valen gran cousa porque o autobús pasa tan cedo polos pobos , que algúns veciños teñen que ir á parada de víspera e agardar ó frio . Ademáis , como xa case non queda gando , se non che interesan os conxuntos de roupa interior chinesa , os chandals e os reloxos de imitación, non hai moito que ver.
Fun a almorzar cedo por se o día se complicaba e sen pretendelo puiden asistir a un curioso espectáculo.
Sentado no centro da cafetería había un home sen maís compañía que unha copa de licor , que falaba a berros con palabras que se desordeaban nalgun punto antes de sair da súa cabeza . A súa voz semellaba o zumbido ronco dun cañón de aire , como se estivese a masticar unha maldición . Ninguén reparaba na súa presencia e el estaba ríxido e serio , coa ollada moito máis alá da cristaleira. Vestía un enorme abrigo marrón , forrado en pel de mamut e unha gorra de aviador , desas que teñen orelleiras que se enganchan na coronilla , e que cargaba unha roña con vida propia. O home non calaba a pesar do pouco interes do público.
Cada pouco collía folgos e os recordos saían disparados da súa boca como nenos por un tobogán , un tras outro , nunha serpentina sen fin. Co barullo da cafetería non se lle entendía moito pero naquela mesa de mármore branco estaba a librarse unha feroz batalla. Nos quince minutos que alí estiven desfilaron enfermeiras ,feridos , tanques ,monxas , balas , sarxentos e frio , moito frío .
No bar non paraba de entrar e saír xente e o homiño cada vez berraba máis , non sei se porque os recordos chegaban á sua desordeada memoria con máis forza ou porque o pobre tiña a necesidade de que o mundo o escoitase .
Houbo un momento no que elevou tanto a voz que todo o local calou a un tempo como se nalgunha parte alguén rompese un espello. O soldado , asustado polas suas propias palabras , e ó ver que todo o mundo estaba pendiente del tranquilizou á audiencia dicindo:
"pero nunca me pasou nada"
Pouco a pouco volvimos ós nosos cafés e tras unha pausa pra coller aire arrancou de novo a súa particular máquina de contar historias .
Como xa a cousa non daba máis de si e o regulador de volúmen estaba claramente estropeado , a dona da cafetería acercouse a el con intención de apagalo. Puxose ó seu lado adiviñando unha certa sordeira e faloulle no oído como que fala para o máis profundo dunha cova.

- Mire , tiene usted que marcharse que vamos a cerrar.
- Van a pechar ?
- Si , vamos a cerrar.
- Xa abriron as tiendas?
- Si , xa está todo aberto (...)


Eu apurei o meu café ben cargadiño e aínda quedei un par de minutos matinando nos extranos camiños da loucura e a soidade.
Cando saín á rua a nevoa marchara , e un sol tristeiro de inverno libraba temén a súa particular batalla co frío de Xinzo. E alí , no medio da praza , quieto como unha estatua , un home que nunca voltou da guerra , explicaba a berros como saiu vivo dunha explosión na trincheira a dous africanos que estendían sen moita fe o seu cargamento de bolsos e cinturóns .

miércoles, 26 de noviembre de 2008

Xestur


Non se fala de outra cousa nesta aldea terremota. Seica o rapaz da Caixa marcha pra Xestur a ocupar un cargo "político" que eu non acerto a comprender.
No que vai de semana pasa dunha ducia de persoas os que tentaron explicarmo sen éxito , así que convoco ós lectores de este blog a adiviñar o posto que vai ocupar o mozo.
Estas son as características tal e como a min mas relataron os lugareños
  1. Sueldazo da hostia.
  2. Coche con "chofre". Si , chofre. ¿...? Cando o oín non daba crédito.
  3. Vai estar mentres estén estes no poder e logo terá que marchar como todos.
  4. Seica non ten que facer nada pero ten moita resposabilidade. (o que se di un cargo político de libro).
  5. Entre dietas , pitos e flautas , pasa dos once mil euros ó mes , así que pediu unha excelencia na caixa.
Director da banda de música de Xestur pode ser unha opción pero non estou moi seguro de que exista. Eu xa se sabe que non son moito de verbenas...

domingo, 16 de noviembre de 2008

jueves, 13 de noviembre de 2008

Anuncio

Santo ceo ... teño visto pelis de terror que daban menos medo que este anuncio. Agardo que os anacos de papel que faltan sexan un truco para facer pensar a algunha "quica" se xa antes outras se interesaran pola "aBitacion" .Con semellante caseira , e empezando o teléfono por 666 , é como para andarse con coidado.

martes, 11 de noviembre de 2008

Inflacción


E logo din que a vida subiu unha barbaridade co euro... Eso será nas capitais porque en Xinzo non fai a comunión o que non quere.

lunes, 10 de noviembre de 2008

Cousas da idade.


Esta fin de semana tres parellas de amigos anunciáronnos que ían ter un neniño. Así , sen máis , tres dun viaxe. Unha delas foi o meu irmán Eduardo e a sua muller Bárbara o que me convertirá de novo en tio , dándolle unha volta enteira ó noso reloxo biolóxico...
A cousa diume moito que matinar e a verdade é que o venres costoume coller o sono. Puxenme a ver a tele e nun dos canles puñan a enésima reposición de "Depredador II" . Alguén estará xa a pensar que ten que ver esto cos embarazos . Pois si , si que ten que ver, e moito.
O caso é que enganchei a película xa pola metade , xusto no momento no que esa especie de mostruo feito con corpo de home , cabeza de xabarín , caparazón de nécora e rastas de Bob Marley , entraba nun vagón de metro , e comezaba a picar xente coma se fose zorza pros chourizos. O bicho andaba ó seu corta por aiquí e esmaga por alá , cando de pronto á hora de tronzar a unha muller policía , detense, faille unha radiografía , é ó decatarse de que estaba embarazada non a mata , senón que a tira a un lado. Como quen di volve a botar a troita ó rio...
Eu , no medio de tanta confusión pensei: Meu Deus , se agora viñese o depredador ese ó barrio da Ponte , nos seguro que pasaríamos a ser recheo para morcillas de cebola . Como non nos dise por meter a Jana por debaixo do xersei íamos aviados.
Tres embarazadas , duas con nenos recén nacidos , outras parellas tentando telos... Non saberán estes algo que nos non sabemos? Agardo que non.
En fin , noraboa ós premiados.

Untos

A semana pasada unha clienta moi salada , desas que veñen a diario á oficina , diume unha explicación pseudocientífica sobre o problema da obesidade na comarca da Límia , que paga a pena compartir neste blog.
Seica a ausencia de "tipos finos" na zona non é unha característica xenética especial , senon a suma de dous factores ben diferenciados : tractores e cocidos.
A cousa ben sendo así : " Os homes en canto casan , bótanse ó cocido e ensanchan coma porcos , e logo de andar nos tractores os corpos defórmanse".
A que mo contou por suposto era de tipo ancho pero o seu caso é diferente porque ela puxose así co embarzo ( o neno xa ten doce anos , pero a grasa é o que ten , que é moi cariñosa) e toma corticoides.
O que ten que ser o non vai máis é a suma de tractor + cocido + corticoides.
En fin , que despois de oir esta fin de semana que unha directora de cine francesa fixo un documental sobre a bata cruzada galega , brindo desinteresadamente este amplo campo de estudo para canto científico esté interesado nel. Non pido nin sair nos agradecementos .

jueves, 6 de noviembre de 2008

Indicios

Meditei moito sobre se sería boa idea rescatar para este blog aquela vella historia do roubo e o polígrafo que nos tivera en vilo alá polo mes de xuño , e non estaba seguro de colgar este post porque naturalmente non houbo un final feliz. Semella claro que algunhas sementes son capaces de prender ata no formigón e a desconfianza é unha delas.
Un dos socios , o único que afirmara estar desperto ás oito da mañá do día de autos , foi formalmente acusado polos seus compañeiros. Esta vez non se cumpliu aquel dito de que a quen madruga Deus o axuda e máis lle valía quedar na cama vendo as reposición do coche fantástico como fai todo o mundo.
Ningunha proba e unha manchea de pequenos indicios situarono ó borde do abismo e cunha marca difícil de borrar.
En fin , que o pobre home , inocente ou non , non xestionou moi ben que se diga a situación , e cada paso que diu dende o día do roubo , foi interpretado polos compañeiros como unha proba da súa culpabilidade.
Por razóns profesionais tiven que escoitar ambas versións e xuntas dan para facer un catálogo de cousas a non facer despois dun roubo
  1. Nunca , repito , nunca lle pidas a un amigo Garda Civíl , que se preste a facerche de coartada.
  2. Tampouco saques antes de enfrentarte ó polígrafo , uns consellos tirados de internet sobre cómo enganar á máquina , e se o fas , non llo ensines ós demáis nin o deixes na oficina. Pode que con esto os convenzas de que se pode enganar ó ordenador pero dende logo non irá na túa axuda.
  3. Se te acusan e decides que así non paga a pena seguir na empresa , non negocies á baixa a indemnización que che terían que dar.
  4. Xa metidos no fregado do polígrafo , cando te entrevisten , non te esquezas de pestanexar. Seica falar de máis e quedarse encasquillado sen pestanexar é como firmar unha sentencia de culpabilidade.
  5. Se na empresa se fala de mallar no ladrón , ti non te achiques e di que te ofreces para traer os estadullos da casa. Moito interés en pasar páxina é sinónimo de pouco interés en atopar ó culpable.
  6. Non deixes que che comuniquen o despido nunha pizzería , porque hai moito barullo e ás veces non se entende moi ben o que se fala.
  7. Como queira que o roubo foi de diñeiro , non te excuses decíndo que precisamente eso a ti é o que che sobra.
  8. Pensa antes de falar.
Agora , cabezotas como son os desta aldea terremota , non están dispostos a deixar pasar a ocasión e van de cabeza a un xuicio que promete sentar xurisprudencia na historia do absurdo. Xa metidos no medio e postos a gastar en polígrafos , e avogados , rentabilizalo facendo dano.
A sentencia está clara " se no xuicio non sales culpable non é porque non foras ti , senon porque non o podemos demostrar" . Lóxica pura, vaia.

lunes, 3 de noviembre de 2008

Olelas

Sete días xustos despois de estar ceando nun 5 estrelas superior como era o Hotel Palace de Madrid, atopámonos casualmente nas antípodas do luxo vendo pasar bandexas de churrasco e chourizos criollos na remota aldea de Olelas.
Presentaba un libro feito con recordos , fotografías e pequenas historias o pai de Carolina e para alí arrancamos dispostos a facer algo de palleiro e pelexar co frio.
Olelas , para quen non o coñeza que será todo o mundo , é unha pequena aldea na baixa Limia , colgada na ladeira dos montes de Entrimo e únicamente separada de Portugal polo rio do mesmo nome que a aldea. Un sitio ó que un non iría nin querendo porque seguro que nalgún punto dos dez kilómetros que o separan de Entrimo , pensaría que está confundido , que alí non podía haber máis que montañas e daría a volta.
A fala , a arquitectura e mesmo os costumes , teñen un fondo pouso de fronteira que o fan moi interesante. A paisaxe é verdadeiramente incrible , magoa que este tan estropeado todo.
Aguantamos estoicamente a charla que precedeu a sinatura de libros batendo cos pes no chan polo intenso frio e as das xentes do lugar , verdadeiros protagonistas do acto , arrancaron para as suas casas cun exemplar por familia , que probablemente pasará a inaugurar unha chea de novas bibliotecas rurales.
Un fermoso xesto que atrancará cunha pedríña o reloxo de area que marca o anunciado fin dun tempo , un lugar e unhas xentes, condeados a desaparecer. Unha curiosa paradoxa dorme arestora nos mobles de salón das casas de Olelas , a carón da botella de Martini Rosso , o Sansón e a foto de comunión do neto enviada dende un barrio de París. Quen lle ía dicir a estas xentes que medraron á forza dandolle as costas á literatura , que ía ser precisamente esta a que os rescataría dun esquecemento seguro.
En fin , que rematado o acto literario propiamente dito , comenzou a festa que o acompañaba e que por si soa daría pra facer un volumen de antropoloxía.
A alcaldesa , unha mulleríña xa maior e que lucía unha curiosa combinación de bata do país e moño art-decó , exerceu de digna anfitriona e dispuxose a atender por igual a veciños , coñecidos e turistas da palabra.
Agochadas tras unhas servilletas de papel , gardaba bandexas de aperitivos moito máis abundantes que os do Palace , todo hai que dicilo , e non menos imaxinativos: tortilla de cebola , aceitunas recheas pinchadas nunha rebanada de pan bimbo con salchichon e untada de queixo fresco ou paté (todo nun ) , xamón cocido , freixoas ...
Nin o frio da comarca puideran salvar o paté e máis o queixo que debían levar extendidos de víspera e que viñan a dar testemuño mudo do tan anunciado cambio climático. Semella imposible que alí , naquela perdida montaña , a catro grados e medio , non houbera algo fresco pero así era. Deste xeito , mentras o paté oscurecía tristemente contra os bordes , o queixo amosaba un sospeitoso cuarteamento que lembraba vagamente a unha lagoa seca.
Pero como o mellor condimento seica é a fame , aplicámonos todos a valeirar as bandexas para que puideran traer nelas o anunciado churrasco.
Houbo momentos realmente fermosos e cheos de emoción que gardaremos moito tempo na lembranza.
Dous dos homes do pobo foron á casa polas suas concertinas e diron un longo recital con pezas tradicionais acompañadas á voz por un portugues que improvisaba unha especie de regueifa. Despois homes e mulleres regaláronnos un baile típico no que xiraban por parellas ó son da música.
En fin , un auténtico placer trasmontano. Algo cansos , empachados e afumados , voltamos á casa no medio dunha noite pecha como non recordo ter visto outra.

Alcadesa con moño

Casorios varios.

Como seguro moitos sabedes , a pasada fin de semana , fumos a Madrid para unha boda dun primo de María.
Saimos de Ourense en procesión a media mañá e fixemos unha paradiña pra comer no restaurante dunha gasolinera .Alí tocounos un camareiro que aseguraba ter como primeira profesión a de humorista pero que facía unhas horiñas para completar o soldo , e que non calou un minuto dando o mellor de si nos postres.
A cousa non tiña desperdicio e viña sendo algo así:

- Un café cortado.
- Se lo corto yo o le traigo un cuchillo.

- No se preocupen que la mosca es de la casa.

- Así que ustedes son de Orense ... Pues yo tenía un amigo forense. No era médico ni nada pero tenía un Ford y era de Orense.

En fin , unha hora enteira xantando un filete recauchutado dentro dunha sesión do club da comedia...
Xa chegando a Madrid desfixose a procesión e perdémonos dentro de esa enorme tobeira que son os tuneis da M-30 . O GPS non contaba con esta obra faraónica e nos poucos momentos que collía sinal , botaba conta de que estabamos na superficie e non paraba de pedirnos que xirásemos á dereita pra tentar empotrarnos alegremente contra o muro de formigón.
Atopar o hotel puxo a proba a miña paciencia e mesmo a do propio GPS .
Ainda que consultei o libro de instruccións e non parece posible , xuraría que houbo un momento no que o dichoso trasto suspirou antes de falarme e rematou a indicación chamándome idiota.

A ceremonia celebrouse na igrexa de San Manuel e San Benito e amenizouna un cura que parecía sacado de Bricomanía e que falaba cunhas curiosas pausas e amagou con algúnha broma lixeira. Non tiven ocasíon de facelo pero houbérame gustado poder preguntarlle se tiña un irmán camareiro nunha gasolineira da autovía.

Dende a igrexa fumos dando un fermoso paseo ata o hotel onde se facía a cena e que , como seguro algúns sabedes , era o Palace.
Si si , o Palace de verdade , non unha desas imitacións que hai pola nosa xeografía adiante. E digo esto porque hai uns días na estrada de Pontevedra pasamos a carón dun Pen Club que nada tiña que ver coa literatura e que non inspiraba poesía precisamente.
O caso é que entramos no Palace como se fose o Bar Orellas , pondo cara de interesantes e de estar perfectamente acostumados a estas moquetas e dourados.
O hotel desprende un encanto especial e de verdade que paga a pena velo.
Os aperitivos foron nun incrible salón cunha cúpula de cristal que pasa por ser a máis fermosa de Madrid e o ambiente era a decir verdade , moi agradable.
Eso si , se ben a bebida era abondo pra emborachar a todos os presentes , os pinchos foron algo escasos e todos a base de frituras.
O caso é que cando saían os camareiros creabase un certo nervosismo como o que se da no Lizarran cando saen as bandexas cos pinchos , e non sabes se van a tirar para o teu lado ou para o lado contrario e , de ser así , xa te podes ir despedindo deles.

Na mesa xa pra cear sentáronnos con xente á que so coñecíamos de maneira moi remota pero a pesar do barullo propio dun salón con 300 invitados a cousa resultou bastante interesante.
O menú estivo ben pero non foi nada do outro xoves.
Eu son algo de aldea e ainda que me gusta a cociña moderna como ó que máis , sigo a pensar que a mermelada ten que ir co tulipán , o colacao, e as galletas e non co pato ou o foie , pero bueno , en cuestión de gustos xa se sabe.

Polo demáis unha boda é unha boda , xa sexa en Santo Estevo , na Zamorana ou no Palace .Os tempos e as cerimonias veñen sendo as mesmas e se cadra estas bodas de postín pecan algo de sosas precisamente por querer fuxir do común. E non é que eu este a favor de mantear ó noivo , nin de que se tiren fabas dende o campanario ós recen casados , nin de berrar que se biquen os padriños , pero algo de festa hai que facer.
Remato aclarando unha dúbida universal que seguro que vos asaltou ó saber que iámos a unha boda con tanta clase.
A resposta é si. Si , en Madrid tamén . Si , tamén no Palace , á hora do baile , os invitados que pasan dos cincuenta anos , bailan as cancións de Chenoa agarrados coma se fose un vals.

lunes, 27 de octubre de 2008

Fotos


Ando a escribir un par de posts sobre o que fixemos esta fin de semana , que resultou moi divertida e intensa.
Mentras agardades aí quedan estas dúas fotos que saquei hoxe co teléfono movil e que se comentan por si soas. A primeira delas saqueina en Xinzo e a segunda no centro comercial Pontevella...

martes, 21 de octubre de 2008

Gris

Hoxe foi un dia gris , total e absolutamente gris .

lunes, 20 de octubre de 2008

Aldea terremota

En días como o de hoxe , chego a pensar que o anel de neboa que pecha todas as mañás a Xinzo , é unha porta astral que da paso a outro universo. Un universo rexido por extranas normas e poboado por seres conectados entre si de xeito que poden estar todos enfadados ou aparvados ó mesmo tempo , como se dunha colmea se tratase . Un universo cruzado por unha longa recta na que é imposible non parar e no que , como se fose a cousa máis normal do mundo , os langostinos poden frambearse alajillo . Case nada.

domingo, 19 de octubre de 2008

Xornais



Onte , dous xornais da comarca de Arousa facíanse eco dunha vella historia que nos tivo ocupados estes últimos días e que ten un pouso de tristeza moi fondo. En fin , parafraseando a Manuel Rivas tamén nun artigo de onte, baixamos en comisión de servicio ó corazón das tebras.

lunes, 13 de octubre de 2008

Zona de obras

Esta xa parecía unha obra da Deputación . Cun ano e medio de retraso sobre o calendario previsto para o fin da obra , por fin rematei o cabaceiro de Tamallancos . Xusto cando boa parte da parroquia perdera a fe e desistira mesmo de preguntar , armeime de paciencia e encaixei todas as taboas que o rodean .
Falta , eso si , colocar a tella pero eso supera con moito os meus coñecementos como albanel . Ainda asi non desesperedes que xa estou xestionando a subcontrata.
O outono viñase enriba e sentía unha certa pena ver este pequeno experimento inacabado despois do fermoso e divertido que foi armalo. En canto esté rematado haberá invitación oficial e non se descarta que mesmo chegue a ser a foto que enviemos na postal de nadal.

Si , efectivamente , a foto é un pousado-robado.

martes, 23 de septiembre de 2008

House


Onte case sen pretendelo escoitei este curioso relato de boca dun hosteleiro limiano.

Veño de enterrar un cliente ...(inxeniosa metáfora). Sentino moito porque era o mellor que tiña. (nótase o gran corazón), Quedábase sempre ata as tres e as catro da mañá tomando cubatas (o que se di un tio sano).
Non somos nada (eso si), aínda onte estabamos a falar sobre a crisis económica e o problema da vivienda(o máis normal ás catro da mañá ) e dixome : "o panteón é a vivienda máis cara que hai por metro cuadrado , pero tamén é a máis barata . Non tes que pagar auga nin luz nin hipoteca e é onde máis tempo botas." (...)e unhas horas máis tarde ala foi.
A historia a falta de confirmación oficial non ten desperdicio. O pobre home cando viña de volta da esmorga , diulle un derrame cerebral no descansillo da escaleira e caiu , pero como ía cheo como un piollo pensaron que estaba inconsciente do golpe e enviáronno de volta pra casa. Pola mañá ó ver que non espertaba seica o médico tentou reanimalo con dous sopapos que non foron de gran axuda.

lunes, 22 de septiembre de 2008

Saw IV


Nesta casa dende hai moito tempo desenrolamos un curioso gusto polas películas de terror pero hai certos pratos que ainda se nos atragantan.
Onte fixemos o primeiro intento de ver Saw IV pero foi imposible e so aguantamos dez minutos de pura incomodidade facendo yoga no sofá. Alí non había Deus que atopase postura e mentras eu miraba a tele por riba do xornal , María non paraba de porlle pegas a un asesino que xa estaba morto, e preguntándose ó mesmo tempo, se ten sentido pasalo mal gratis.
Cando xa ían alá unha autopsia , tres mortos e unha muller á que estaban a piques de cortarlle o pelo con cabeza incluida , decidimos cortar.
Definitivamente gustannos máis os asesinos brutos pero previsibles. Eu , se teño que escoller , prefiro correr diante dun home cunha machada ou unha serra eléctrica na man , que loitar contra outro que pasou quince días facendo os planos , indo polas piezas ó Bricoking , e explicandolle ó torneiro fresador por onde ten que soldar, para ó final facer unha máquina infernal a partir dunha seleccionadora de patacas marca Maturana.
Unha cousa é ser malo porque andas queimado co mundo , que non é xustificable pero podo chegar a entendelo ,e outra moi distinta ser o que a miña nai definiría como un atravesado.
Como ben dicía un amigo do instituto , hai que ir morrendo , pero sen pasarse.

miércoles, 17 de septiembre de 2008

Cacofonía



Hoxe un homiño ó que por certo lle teño moito aprecio contoume unha historia un tanto extrana.
Estábamos a falar do importante que é conservarse e rosmando do paso dos anos cando el me dixo:

_ Mira , eu neso dos curas xa non creo nada . O outro día morreu o cura de San Pedro e seica lle deixou todo ós ricos en vez de deixarllo ós pobres. (...) Tiñache moito capital e deixoullo a unha empresa que teñen e que se chama Apurdeus. ¿non a coñeces? (..) Contoumo unha alí do pueblo que sabía moito do asunto.

_ Pois ... non , creo que non a coñezo.

_ Tenche a sede en Bilbao . Apurdeus creo que se chama , é moi famosa , tela que coñecer : Apurdeus.

Non foi ata un pouco despóis , cando volveu de segundas o home a confirmarme como se chamaba a famosa empresa de Bilbao cando caín : Opus Dei.
Eu,como se soe dicir son de ciencias, e non sei moi ben se esto é síncopa , metaplasmo ou rotacismo , pero aiquí algún fenómeno lingüistico foi elevado á máxima potencia.

lunes, 15 de septiembre de 2008

Un día nas carreiras

O sábado tocaba concentración de Minis . Xa o ano pasado participara indo dende Ourense co meu sobriño Gonzalo pero tiveramos que voltar cedo porque a Carolina non se lle ocurriu mellor cousa que por ese mesmo día o seu casorio .

Foi un día longo pero moi divertido. María e máis eu arrancamos cedo cara Vigo onde nos reunimos cos demáis participantes e de alí fumos en caravana ata Caldas para logo seguir ruta a Silleda.
Alí recollimos a Pablo e xantamos todos xuntos no concesionario que a Mini ten ás aforas da vila. Despóis da sobremesa saimos en procesión cara ese monumento ó absurdo que é o recinto ferial e comezaron as actividades.
Nos estabamos anotados nos karts pero tamén había paseos en cabalo , buggies e paintball. Como nestas cousas non é moi bo ir de primeiros agardamos á segunda tandada.

Puxéronnos na cachucha unha redecilla das que teñen as mozas que cortan o choped no Mercadona , e un casco que no meu caso era tres tallas m
áis pequeno que a miña cabeza. En caso de accidente non habería problema xa que non mo darían quitado sin unha serra eléctrica. Na primeira tirada a cousa non foi de todo mal . A Pablo tardou en arrancarlle o coche e eu adiantei a un par de choulos nas dúas primeiras curvas. Ese foi o principio e o fin da miña carreira como piloto de Karts . Pasei cinco minutos dando voltas en solitario e so me adiantaron contra o final cando fixen un trompo e quedei mirando para Lalín.
O malo foi o segundo intento ... Eu xa na parrilla de saída decateime de que estaba rodeado de mozos en plena floración hormonal enfundados en camisetas elásticas que debían ser do irmán pequeno de algún deles. A pinta era de que o ximnasio e as manualidades non abondaban para queimar tanta enerxía. Tamén me decatei de que nin o número 1 que lucía o meu coche , nin as miñas canas ían infundar moito respeto.

Por un principio de prudencia deixei pasar ós máis ansiosos e arranquei ó fondo como o faría o coche médico na Formula 1. Non valeu de nadiña. Dúas voltas máis tarde xa os tiña a todos na chepa... Algún chegou a adiantarme acenando cunha man ó máis puro estilo cowboy , saudando a un público estupefacto. Mesmo houbo un intre no que me adiantaron dous a un tempo , cada un por seu lado , e eu para non ser menos rematei tan florida maniobra cun trompo que deixou o meu coche mirando de novo para Lalín. Menos mal que non quedou constancia gráfica de ese momento ( que se sepa claro). Eu non sei se non me dou maña ou se o meu coche gastaba normal en lugar de super pero o que menos me doblou fixoo un par de veces. Vivir para ver.

viernes, 12 de septiembre de 2008

Pedra , papel , tixeira.


De un tempo a esta parte teño por costume descargar e escoitar uns podcasts que baixo dende a páxina do Times , máis que nada por ver de practicar algo o inglés. É unha serie que se chama : Only in New York , e son historias que como eles din , so poderían suceder en New York.
Sen ánimo de copiar formatos nin de facer competencia , dame magoa que a calidade das historias que suceden en Xinzo sexan cando menos semellante por non dicir mellores que ás da Gran Mazá. Semella que ,polo menos nese aspecto , a teoría de Carlo M Cipolla sobre a estupidez humana e o feito de que esta é unha constante universal, non se cumple nesta comarca , que na práctica resulta ser unha superpotencia .
Fai hoxe unha semana por por un exemplo diuse un caso de autoagresión co que moi ben podería encher un podcast de Only in Xinzo.
Resulta que un neno de tan so sete anos , fillo dunha protagonista involuntaria do noso blog en posts anteriores por unha tirada de dentes , fixo o venres pasado un curioso experimento . Lanzou ó aire unha pedra (vaite ti a saber de que tamaño ) e quedou debaixo pra ver como caía.
O resultado do experimento non plantexa as dúbidas do acelerador de partículas que tanto saiu na tele estes días, pero os resultados foron cando menos asombrosos: catorce puntos de sutura , afundimento de craneo e conmoción cerebral. Seica o oso frontal escachou en forma de mosaico...
Pero non sufrades que o neno xa está para outra. Non empezará no cole ata o Nadal e vai acabar coñecendo de memoria os pasillos do Hospital pero cando sexa grandiño e ande ás mozas poderá contar unha abraiante historia e dar fe cunha linda cicatriz.

O que eu vos diga : Only in Xinzo.

Historias do Kronen


Poucos días antes das vacacións , un homiño moi coñecido na Limia pola sua mala sorte veu pola oficina para tentar pagar multa.
O relato que sígue é a explicación dos feitos que moi amablemente nos brindou.

"Agarráronme os gorilas. Eso foi algún do pobo que non me quere ben (...) Eu escapei pero eles viñeron detrás e colléronme na glorieta . Eso que eu din ferro... , puxen o coche a cento trinta, pero cando fixeron sonar a música parei. Subíronme no furgón e , carallo ,alí dan tiquet..(...) Cando rematei de soplar na máquina o cabo díxome: No se como se tiene usted en pie , está totalmente borracho.(...) Seica din máis do triple do que se pode dar. Quixen volver á casa no coche pero non me deixaron. (...) Entón levaime no furgón a Xinzo que aiquí non podo quedar.
Volvéronme subir no coche e cando viñamos pola recta díxenlles: sabédes o que vos digo ..., cando me vexa chegar así a muller vaime matar así que mellor deixadesme no Scala."


Imposible condensar mellor tan curiosa vivencia. A transcripción da conversa ben servía para para un comentario de texto deses que facíamos no instituto na preparación do selectivo. Se me apurades vale mesmo como acertixo para buscar sinónimos de palabras como garda civil , sirena , multa , ou puticlub.

O que hai de verdade na historia supoño que nunca o saberemos , pero o que rezaba o parte de denuncia da Garda Civil e que eu puiden ler dicía textualmente: el conductor presentaba alitosis , hablar balbuceante , enrojecimiento facial , descoordinación , movimientos erráticos y signos evidentes de embriaguez , además de un mostrar una clara falta de respeto por la autoridad.

Mal sabían os corpos de seguridade que , non sendo pola embriaguez , o homiño xa se ergue así todas as mañás.

Vacacións

Definitivamente hoxe é un día tan bo coma outro calquera para dar por rematadas as vacacións do noso blog. A verdade é que o mundo non mudou gran cousa nestes tres meses tan longos pero non deixaron de pasar cousas curiosas e divertidas.
Houbo maioría de días felices, viaxes ,encontros imposibles e mesmo algúnha festa que ben tería merecido un o dous posts.
De algúnhas historias de Xinzo que quedaron no aire darei conta porque penso que paga a pena saber o final , e tentarei facer memoria de outras que non veñen máis que a dar fe do fascinante universo que rodea este pobo nacido a partir dunha lagoa.
Arrancamos

martes, 17 de junio de 2008

Noticias varias

Está visto que o xornal é unha fonte inesgotable de noticias curiosas. Agora vai resultar que o Catastro , que eu pensaba que era unha oficina municipal onde se rexistran os bens , é tamén un método para evitar abusos sexuais.

lunes, 16 de junio de 2008

Gominolas


Onte tras unha intensa mañá de deportes e xa de volta no barrio ocurriunos unha desas pequenas cousas que no fondo son a razón de ser deste blog , e que me fan pensar que o mundo é un lugar extranamente divertido: Mercamos o pan , unhas madalenas e unha bolsa de gominolas na Panadería Tito Rivela e esta foi a conversación entre a dependenta e o seu marido:

- Cóbrales 2,75€.
- 2,75 ?
- Si , que llevan?, solo una bolsa de chuminadas ?
- Si , y una barra.
- Pues 3,75 entonces.

Manda truco . Chuminadas!! O mundo das panaderías está fatal...

O misterio do portelo.


O asunto dos dentes vai pra longo ... Agora resulta que según reza no xornal hai xente disposta a testificar que a muller xa chegou á rifa sen os dentes , e que é todo unha montaxe pra meter máis leña ó lume. Nos nunha análisis "detallada" da fotografía , e co coñecemento empírico do suxeito , atrevémonos a dicir que non só houbo sopapo con pérdida dental , senón que á vista do burato insistimos en que a nosa primeira noticia era exacta , xa que nese portelo collen cando menos dous dentes.
Pero como queira que Xurxo dí que o blog está collendo un ton moi de noticieiro non vou insistir no tema , e ainda que volva a sair na prensa non colgarei outra vez tan terrible testimonio da política rural. Eso sí , direi que La Región nunha mostra de aforro moi en liña cos tempos que vivimos , reciclou o sábado a foto da saida do pleno de Calvos de Randín para documentar un artigo que falaba da folga de transportes e as consecuencias no suministro na Praza de Abastos. En fin , tamén para a posteridade un titular do sabado a modo de xeroglífico adicado ós nosos lectores.













miércoles, 11 de junio de 2008

En venta

Mecajo nela , que nos venden a ponte romana !!!

Aclaración

Era obrigado colgar esta nota de prensa por máis dunha razón. Primeiro pra constatar a veracidade dos incidentes mencionados onte no blog e rectificar ó relativo á vella á que lle saltaron dous dentes. Son os riscos do directo. Como se pode ver na foto nin era tan vella nin eran dous dentes que era un so. Eso si , estratéxicamente situado. Outra razón para colgalo é que me consta que algún que outro lector non tardará en identificar ós feridos (marido e muller) que , dito sexa de paso , interviron nos incidentes representando a bandos opostos . Non se cando eu vos digo que este é un pobo guerreiro é por algo.
Tamén dicir que se ben o noso blog foi inexacto non o é menos o xornal La Región. A muller non perdeu o dente :chimparonllo dun sopapo que pro caso son cousas moi distintas. O dente non está perdido e saben ben del pero o malo é xa non pega no sitio.
Noutro diario de tirada nacional fálase de que os veciños durmiron no Concello pra evitar a entrada da oposición e esta contratou ó Notario de Celanova pra que tomase nota dos insultos que lles proferían, e que uns e outros remataron bañados en ovos. Como se pode ver son un concello pequeno pero de xente moi ocurrente. Canta razón tiñan os de Acuarius cando dician nun anuncio aquelo de "el ser humano es maravilloso".
En canto á telenovela que nos ocupaba estes días somentes unha pequena nova . Á hora do roubo todos os implicados menos un (deixemos a un lado ó que ainda non se deitara ) declararon diante do polígrafo estar durmindo...
¿Adiviñades a quen culpou a máquina?

martes, 10 de junio de 2008

Delirium tremens ( Cluedo II)


Definitivamente o polígrafo foi un timo . Seica enganar á máquina é o máis sinxelo do mundo , e contan as fontes que por non haber non houbo nin gráficos no ordenador. Vamos , que o técnico ben podía estar lendo o Marca por internet mentras falaba cos acusados. Houbo eso sí unha entrevista previa un por un a todos implicados que serviu , non se sabe con que criterio , pra evitar a electrolisis de máis ou menos a metade .
Mesmo o que todos crían principal sospeitoso acudiu á chamada da verdade de reenganche do sábado noite e embriagou ós expertos coa sua elocuencia etílica , sementando dúbidas "on the rocks" a diestro e siniestro.
Eu , meténdome donde non me chaman e en claro perxuicio de este noso blog , aconsellei deixar correr o asunto , dar por perdidos os cuartos e pasar páxina. Pero como xa dixen en anteriores ocasións este é un pobo guerreiro .Non en van hoxe mesmo na moción de censura de Calvos de Randin , a pesar ou gracias á intervención da Garda Civil , a unha vella saltáronlle dous dentes en pleno pleno , valga a redundancia.
Bueno , o caso é que o contrataque está xa planeado e é digno dunha comedia. Os acusados pretenden demostrar a sua inocencia por todos os medios ( contratar un detective que os espie e eles mesmos e ás suas contas é por agora a primeira opción) , e despois co informe da inocencia na man denunciar a "Polígrafos profesionales s.a".
A idea é que se lle saquen as ganas de estafar a máis empresas e de paso recuperar os cuartos pagados que non foron poucos. E se non fan caso "nos veremos en los platós de televisión" (frase real). O que eu che diga , que non se pode ver tanta tele.
E o culpable outro día sen aparecer , claro.

lunes, 9 de junio de 2008

Calamaro querido.

Emocionante e moi divertido o concerto ó que fumos o sábado pola noite en Pontevedra. O noso querido Calamaro non defraudou e nun ton guitarreiro repasou ó longo de máis de duas horas o mellor da sua carreira . Máis delgado que outras veces e acompañado da vella guardia con Tito Davila á cabeza , deixou momentos gloriosos e outros nos que o seu lado máis dylaniano saiu a escena. Como fumos bastante cedo diunos tempo de colocarnos moi cerquiña , entre os maradonianos e unha lexión de rapazol@s . Ó noso carón catro mozos cunha chea de consideración facían unha festa privada de abrazos e saltos e dedicatorias de versos. Mesmo houbo un momento que no fragor da batalla un deles , supoño que por error , agarrou o meu brazo pero eu amablemente declinei unirme á festa. Chegamos a Ourense xa ben entrada a madrugada e o domingo pasei o día cun molesto asubio no oido dereito. Xa sei , son cousas da idade pero ¿non tería que pitarme tamén o outro? .

John Waine II


E o culpable sen aparecer , claro.

Cluedo

Supoño que non é o mesmo que se poñan diante dun detector de mentiras Yola Berrocal ou o Dioni que doce tíos de Xinzo. Ou ben pensado supoño que non é o mesmo mentir sobre se te deitaches con Dinio que mentir sobre se roubaches ou non ós teus compañeiros e socios.
O caso é que o domingo esta comarca estivo a piques de sair nos telediarios ,pero esta vez na sección de sucesos. Por fortuna eston non é Texas e aiquí non é sinxelo facerse cun arma , que se non o tiroteo estaba garantido.
Duchadiños e supoño que cunha copiña de licorcafé no corpo pra calmar os nervos , plantaronse diante do polígrafo os socios e traballadores na percura dun traidor.
Non é difícil imaxinar a tensión do momento. Os electrodos concectados a doce peitos peludos , o brazalete de tomar a tensión en biceps acostumados a cargar sacos de area e o sismografo ese facendo montiñas cada vez que un latexa.
Pero un ten que saber que unha cousa é xogar ó Cluedo e outra é a realidade , e esta rara vez é tan divertida.
Rematada a sesión e pasados pola pineira os nervos dos "presuntos" , a máquina dictaminou que a falla dun había tres culpables. Esto en principio podería ser bo xa que reduce as posibilidades de linchamento , pero non foi así. A máquina sinalou a traizón e coma un cravo a aqueles que tres días antes máis insistíran en contratala , entre eles o fundador da empresa. Si , o mesmo que o venres dicía: "O que fora vaise cagar. Non creo que teña tanta sangre fría."
Unha broma pesada e por suposto cara. Tal vez outro roubo pero esta vez con factura oficial e iva desglosado.
Ninguen creu no resultado da Termomix pero nin que dicir ten que a semente da dúbida prendeu coma unha mecha. De alí non foron a tomar o vermú xuntos , eso é seguro.
Canto mellor houbera sido dar por perdidos os cuartos , por medidas pra que non voltase a suceder e tirar para adiante.
De todos os implicados , o único que saiu gañando foi o calvo do polígrafo , que a bo seguro papou unha boa mariscada a conta de uns incautos.
Moralexa : non se pode ver tanta televisión.
Bendita tecnoloxía.
Continuará...

viernes, 6 de junio de 2008

Caso real.


Hai poucos días apareceu perdida na páxina de sucesos dun xornal local unha pequena noticia. Durante a mañá do domingo un ladrón ou ladróns entraran nas oficinas dunha empresa de Xinzo e roubaran unha cantidade próxima ós 15.000€. Na prensa dicía que desconectaran a alarma e forzaran a caixa pero a cousa non foi exactamente así. O ladrón entrou tecleando correctamente o código de seguridade , abriu coa chave , colleu os cartos agochados na planchada nun oco polo que baixan as tuberías e marchou pechando outra vez con chave...
Así as cousas , e tras a confusión inicial , a policía xudicial fixo unhas pesquisas de trámite pero ó non atopar pegadas e ante a evidencia de que o ladrón era alguén da propia empresa , aparcou o caso.
Oito socios , cinco ou seis traballadores , e un ladrón. O inimigo na casa.
Por cuestións profesionais tocoume vivir de cerca o caso e puiden ver como a desconfianza medraba coma unha mancha de humidade ata bloquear a empresa .
Pero de pronto , cando todo semellaba perdido o xerente veu á oficina cun extrano sorriso. Quero facer unha transferencia , dixo , o domingo vaise saber todo...
Cando vin o beneficiario da transferencia non o podía crer: contratara un polígrafo profesional.
Polo módico precio de 2.2oo€ un técnico virá dende Madrid a conectarlle a máquina da verdade un por un a todos os que teñen acceso ás chaves e preguntarlle: "¿ha robado usted a sus compañeros?" .
Deus , pagaría por estar o domingo alí e poder velo.

miércoles, 4 de junio de 2008

Lenny Kravitz


Menos mal que non se podía entrar con cámaras nin grabar o concerto... O caso é que a nosa cámara foi unha máis .Estivemos en Vigo vendo un dos artistas favoritos de María e disfrutamos de duas horiña dun incrible concerto. Chegamos á casa pasadas as tres da mañá e ó día seguinte o despertador soou coma un estoupido , pero saimos da cama cun sorriso moi pavero.

Aquelarre.


Por petición popular colgamos unha foto feita xa hai uns dias nunha cea "familiar" . Ainda que poñen cara de inocentes veñen sendo o nucleo duro da pandilla . Non puxeran os postres e xa tiñan repasado a medio Ourense. Non quedou títere con cabeza.