lunes, 3 de noviembre de 2008

Olelas

Sete días xustos despois de estar ceando nun 5 estrelas superior como era o Hotel Palace de Madrid, atopámonos casualmente nas antípodas do luxo vendo pasar bandexas de churrasco e chourizos criollos na remota aldea de Olelas.
Presentaba un libro feito con recordos , fotografías e pequenas historias o pai de Carolina e para alí arrancamos dispostos a facer algo de palleiro e pelexar co frio.
Olelas , para quen non o coñeza que será todo o mundo , é unha pequena aldea na baixa Limia , colgada na ladeira dos montes de Entrimo e únicamente separada de Portugal polo rio do mesmo nome que a aldea. Un sitio ó que un non iría nin querendo porque seguro que nalgún punto dos dez kilómetros que o separan de Entrimo , pensaría que está confundido , que alí non podía haber máis que montañas e daría a volta.
A fala , a arquitectura e mesmo os costumes , teñen un fondo pouso de fronteira que o fan moi interesante. A paisaxe é verdadeiramente incrible , magoa que este tan estropeado todo.
Aguantamos estoicamente a charla que precedeu a sinatura de libros batendo cos pes no chan polo intenso frio e as das xentes do lugar , verdadeiros protagonistas do acto , arrancaron para as suas casas cun exemplar por familia , que probablemente pasará a inaugurar unha chea de novas bibliotecas rurales.
Un fermoso xesto que atrancará cunha pedríña o reloxo de area que marca o anunciado fin dun tempo , un lugar e unhas xentes, condeados a desaparecer. Unha curiosa paradoxa dorme arestora nos mobles de salón das casas de Olelas , a carón da botella de Martini Rosso , o Sansón e a foto de comunión do neto enviada dende un barrio de París. Quen lle ía dicir a estas xentes que medraron á forza dandolle as costas á literatura , que ía ser precisamente esta a que os rescataría dun esquecemento seguro.
En fin , que rematado o acto literario propiamente dito , comenzou a festa que o acompañaba e que por si soa daría pra facer un volumen de antropoloxía.
A alcaldesa , unha mulleríña xa maior e que lucía unha curiosa combinación de bata do país e moño art-decó , exerceu de digna anfitriona e dispuxose a atender por igual a veciños , coñecidos e turistas da palabra.
Agochadas tras unhas servilletas de papel , gardaba bandexas de aperitivos moito máis abundantes que os do Palace , todo hai que dicilo , e non menos imaxinativos: tortilla de cebola , aceitunas recheas pinchadas nunha rebanada de pan bimbo con salchichon e untada de queixo fresco ou paté (todo nun ) , xamón cocido , freixoas ...
Nin o frio da comarca puideran salvar o paté e máis o queixo que debían levar extendidos de víspera e que viñan a dar testemuño mudo do tan anunciado cambio climático. Semella imposible que alí , naquela perdida montaña , a catro grados e medio , non houbera algo fresco pero así era. Deste xeito , mentras o paté oscurecía tristemente contra os bordes , o queixo amosaba un sospeitoso cuarteamento que lembraba vagamente a unha lagoa seca.
Pero como o mellor condimento seica é a fame , aplicámonos todos a valeirar as bandexas para que puideran traer nelas o anunciado churrasco.
Houbo momentos realmente fermosos e cheos de emoción que gardaremos moito tempo na lembranza.
Dous dos homes do pobo foron á casa polas suas concertinas e diron un longo recital con pezas tradicionais acompañadas á voz por un portugues que improvisaba unha especie de regueifa. Despois homes e mulleres regaláronnos un baile típico no que xiraban por parellas ó son da música.
En fin , un auténtico placer trasmontano. Algo cansos , empachados e afumados , voltamos á casa no medio dunha noite pecha como non recordo ter visto outra.

Alcadesa con moño

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Miñanaiquerida! ¿pero vos cómo fostes dar alí?, se nin sequera eu, que son veciño, cheguei tan lonxe!Seguro que o gps tampouco pitaba, que lle queda a contramán ós satélites...
Unha cousa non quita a outra, bonito é, pero hai que lle ter pouco cariño ó corpo pra se meter alí de noite e coa invernada que faía.
Unha aperta!

Fdo.:"un señorito andaluz"

Anónimo dijo...

Anda, e ese é Rafa Adán...

non se poden taguear as fotos??

ferre dijo...

O noso non é nada ó lado da sua odisea señorito. Non haberá moitos de Sabariz que fosen parar a Martos hahaha.
Por certo , xa vimos as fotos e semella moi bonito.

Señor Cesare ... , o pouco que sei de ordenadores aprendino de ti. Si , seguramente esté precisando un cursiño de actualización urxente.