miércoles, 26 de diciembre de 2007

Casualidades

A vida está chea de extranas casualidades que trenzan os nosos camiños con fios imaxinarios. Estes días de festa e exceso trouxeron duas ben curiosas relacionadas con obxetos perdidos e atopados de novo.
O domingo atopei tirado no chan dun aparcamento , no medio da oscuridade e xa algo pisado por os coches , un broche que duas horas antes perdera María. Pero a cousa non remata aiquí. Ó día seguinte , xa na noiteboa , ó pé da acera frente a nosa casa , vin tirado un tubiño deses brillo de labios e antes de collelo sinaleillo a María . Caéralle a ela unhas horas antes , cando Quique a trouxo á casa.
Algunhas cousas resístense a abandoar a nosa grata compaña.

viernes, 21 de diciembre de 2007

Grasa.

Un extrano cartel apareceu onte pola tarde pegado no cristal do noso portal. Como queira que o velcro xa non é capaz de disuadir os que agardan o autobús de que se senten na entrada do edificio , algunha veciña decidiu por fin a este atropello. Obviamente ninguen engrasou a cinta de velcro e trátase únicamente dunha ameaza un tanto absurda. Manchas a parte o único que conseguirían sería esvarar e deixar a cadeira ou os dentes postizos chantados na acera. Cruela DeVil vive aiquí.

miércoles, 19 de diciembre de 2007

Lotería.

Dende uns días a esta parte , cando saio da casa as sete e media da maña co actimel na man , non podo evitar preguntarme como mudaría a nosa vida se saise premiado na lotería algún dos números que temos no corcho da entrada , xunto cos vales de desconto do Mercadona e un ticket da tintorería . En principio non teño que traballar o día do sorteo así que ofreceríame voluntario para sair no telexornal en bata de casa e coas zapatillas novas , descorchando unha botella de champán , ensinando o décimo á cámara e abrazando ós outros premiados. Bueno , eso sería se me toca o gordo , claro . Se me cae a pedrea quedo na casa.
E se toca , se toca tería que seguir collendo o actimel todas as mañas á mesma hora pero mercaría un trailer de pelotas de ténis para Jana .


martes, 18 de diciembre de 2007

Frases do día.

Seguindo co tema do frío , hoxe a modo de exercicio de campo , recollín unha escolma de frases célebres escoitadas na miña oficina:
  • "Fai un frío que nin a Virgen ". Celso Joga , ateo.
  • "Non está bo tempo nin para a matanza , con tanto frío non arranca o sal". Flora Castro , ama de casa e científica.
  • "Non se para co frío" . Manuel Pousa , xubilado que veu as oito e media en bicicleta dende Morgade a cobrar a paga.
  • "Teño os pés coma a neve". Non será de blancos señora Pura.
  • "Rebentoume o contador da auga co xeo" . Veciño anónimo de Piñeira Seca.
  • "Este ano queimou todo a xeada , non queda nin pra facer un caldiño". Manuela Soto , adicta ó cocido que pensa que a pizza so se come en Italia.
  • "Fai menos frío que onte" . Coro de voces.
  • "Marcaba o termómetro do ambulatorio tres baixo cero" . Margarita Ramos , de profesión: sus achaques.
  • "Cando saín da casa puña o coche - 14 grados" . Delfín Fernandez . Cambia de coche Delfín , a ver se ademáis do termometro van estar jodidos os frenos e temos un disgusto.
  • "A sensación térmica é de polo menos seis baixo cero". Encarnación Romero . ¿Sensación térmica?. Frío , o que fai é moito frío . A ver se vemos menos televisión.
  • "Fai un frio negro" José Cerdeiro , palista e poeta.
  • "Neste momento se doblo unha orella párteme" . Pablo Mato , interventor da oficina e aspirante a rei da comedia.
E así transcurre a vida nunha pequena vila do interior de Galiza , pechada durante o inverno por un anel de neboa que transtorna os cerebros e fai que non se lle colla o punto ó sal nos xamóns. Se non é pra tolear , que baixe Deus e o vexa.

lunes, 17 de diciembre de 2007

Marques da trapallada.

Terrorífico conxunto , seino.

Hoxe pola tarde fun cambiar unha camiseta que me regalaran por unha dunha talla máis pequena e fun co ticket dun pixama que aínda por riba non era de esa cadea de tendas. Agardo que a dependienta de Springfield non teña un blog.

Fresco

O que máis me desagrada do terrible frio que fai nesta aldea pataqueira é o feito de que a xente este obsesionada con el. Non entra na oficina un so cliente que non diga algo: que si non se paraba pola mañá , que si cando saíron ó tarreo estaba todo como nevado , que si foron as berzas pro carallo coa xeada... E eu miro pra eles , xubilados a maior parte , ociosos todos e pregúntome ¿pero onde iredes vos ás sete da mañá? Non será igual ir cobrar a pensión ás doce do mediodía , cando campa un solciño que da gusto .
O mundo é inxusto . Eu devezo por quedar na camiña e apuro tanto o sono que convirto o almorzo nunha cronometrada . E estes pasmóns a saltar da cama con este frio cando aínda non puxeron nin as farolas. Agora que vendo algún dos gañans tampouco estou seguro se aguantaría moito no colchón.

domingo, 16 de diciembre de 2007

Cumpleanos

Ainda que ben sei que a Carol non lle fará moita gracia ver esta foto publicada , teño que dicir que foi un dos momentos máis divertidos do cumpleanos. Ela e máis María fixeron parella ó futbolín e perderon por un claro 9-0 ante Carlos e Quique , que se amosaron intratables durante todo o xogo. Pediron clemencia pero ninguen quixo romper cunha tradición tan antiga como a de pasar por debaixo do futbolín. O malo é que o futbolín faise algo pequeno pra estas cousas.
Foi un cumpleanos moi divertido e con moitos momentos para o recordo así que en próximas entregas colgaremos fotos novas.
Houbo moitas ausencias pero a cousa resultou máis íntima igual de entretida. Calvelo abriu despois de moito tempo as suas portas o tivemos que facer un conxuro pra espantar os cinco grados baixo cero que había na rua.

Regalos


Recibir regalos é sempre moi divertido . Esta foto real sacada na nosa cociña hoxe pola tarde da testimonio delo. Non , non pensedes que duas persoas me regalaron dous pares de zapatillas de casa case idénticas . Pior aínda. Supoño que por culpa dunha dependienta despistada recibín envoltiñas na sua caixa duas zapatillas distintas e do mismo pé. Empezo os trinta e catro con dous pés esquerdos.

sábado, 15 de diciembre de 2007

viernes, 14 de diciembre de 2007

Desastre

Cando un convive con un can ten que asumir certas pequenas catástrofes cotidianas .
Jana ten feito moitas e moi diversas trasnadas. En Verin , cando era noviña rillou a esquina dun moble , lambeu e arañou unha parede , descuartizou un libro de poesía , comeu duas veces a correa de coiro , vomitou duas veces a correa de coiro , e mil cousas máis.
Se te esquecías a bolsa de basura antes de baixala ó contenedor , podíaas dar por feito que ó chegar estaría espallada por toda a casa. Nin que decir do que pasa se esqueces algo de comida ó seu alcance. Pero de todas as cousas que ten feito , a de hoxe , foi a que máis me doeu con moita diferencia.
Como nunca lle fixo moito aquel o doce , non lle din importancia a que quedara na mesa a tableta de turron Suchard. Cando cheguei á casa e a atopei tirada no medio do salón confirmouse que hoxe era un día horroroso. Xa viña eu comido do Banco cunha ración de pulpo no bandullo e pensándo únicamente no postre que me agardaba na casa , cando me atopei con ese fatídico panorama. A tableta xacía no chan inmobil , triste , e a medio comer. Confeso que eso foi o que máis me doeu. Se polo menos a rillara enteira aínda tiña un pase , pero deixala así a medias , co rica que estaba e co cariñosa que era , pareceume un sacrilexio.
Sinto que a foto sexa algo borrosa pero tremíame o pulso coa impresión.

martes, 11 de diciembre de 2007

Futbol


De todas as unidades de medida , a que máis me gusta é a de "campos de fútbol" . Cada vez que se queima un bosque ou se fai unha obra grande , para que a xente se faga unha idea da superficie din por exemplo: "equivalente a 250 campos de futbol" . E digo eu : donde puñetas hai 250 campos de futbol xuntos. Máis que nada para non ir nunca a un sitio así.
Para mostra un botón: di a Voz de Galicia nun delirante titular: "Una superficie equivalente a 16.000 campos de futbol sufre erosión grave" (77% da provincia de Pontevedra). Os meus coñecementos de matemáticas non dan para facer unha regla de tres que convirta hectáreas en estadios , pero xa fará falta unha boa calculadora . Como mínimo unha Casio desas que facían sumas de grados digo eu.
No fondo é moi divertido que se midan as cousas así . So sinto pena de que esto non se xeralice. Eu propoño cambiar tamén o kilogramo polas caixas de Foskitos. Así Jana por exemplo , en vez de pesar 17 kilos pesaría o equivalente a 46 caixas de Foskitos.

A zapatilla

Capital

Fin de semana de ponte en Madrid. Canto máis imos máis nos gusta non facer nada . As últimas veces xa non fumos visitar museos nin exposicións . Atopamos moito máis divertido pasear polas ruas na percura de cousas curiosas antes que facer longas colas para ver , rodeado de chinos , obras de arte coma quen consume flocos de millo. O arte vivo en Madrid está máis no mercado de Fuencarral que no Reina Sofía . O Museo do Prado con tanta publicidade convertiuse en Cortilandia . Mercamos libros e discos, vimos famosos de medio pelo , e pasamos moito frio.
Como paradas fixas fumos á Fnac e a Ikea. Na Fnac atopamos casualmente a Natalia (por aquelo de contradicir as leis da estadística) e en Ikea mercamos para Jana un peluche en forma de zapatilla de deporte que tivo un exitazo. Tanto é así que María xa o tivo que remendar por dúas veces . Pero de lonxe o que máis vimos foron chinolis. Nunha das ruas paralelas á Gran Via había tantas tendas con letreiros en chino que pensei que me sentara mal o Frenadol e viaxara no tempo. Mesmo nunha tenda fumos mercar salsa agridulce e a tendeira ó pedirllo puxo cara de china confundida e levounos a un estante cheo de bolsas de sal. Intentamos facernos entender e por fin atopámola pero alí había desde salsa de lagarto ata o Marca en chino.
Haberá que pida unha empanadilla de zorza en Pekín ? Viva a globalización.

domingo, 2 de diciembre de 2007

Pechado por obras


O outono chama con forza á nosa porta e na cidade fai un frío que rabea. Ata á pobre Jana dalle pereza sair da casa e provocou un pequeno incidente na galería que rematou cun xornal estrelándose repetidas veces contra o seu traseiro. En toda a fin de semana saimos o xusto e necesario pra visitar ás familias , recoller media empanada que nos esqueceramos onte , e tomar un cafeciño cos amigos . O frío voltanos menos sociables e vemos televisión coma se nos pagasen por elo . Unha extrana neboa vai e ven facendo desaparecer a outra ribeira do Miño engulindo a cidade mentras a nosa rua está pechada por obras .Unhas inmensas máquinas estan a repoñer o asfalto. Brigadas de obreiros portugueses nos separan do mundo .
O sabado mercamos un xogo novo para a DS e María enganchouse a el rápidamente. É un xogo ben sencilliño deses de pasar pantallas , saltar e coller monedas pero pasamos moi ben o rato no sofá. A vida , cando quere , pode ser ben simple.

miércoles, 28 de noviembre de 2007

O home que case coñeceu a Michi Panero.


O domingo pola noite fumos ver un concerto de Nacho Vegas e Cristina Rosenvige en Valladolid. A verdade é que nos encantou e nos soupo a pouquiño. Foi un espectáculo moi fermoso , un chisco intimista de máis para o meu gusto , e máis propio dun pub ou unha sala que dun teatro. Tiñamos asentos na derradeira fila e cando chegamos lucía na porta o letreiro de non hai entradas.
Durante hora e media desplegaron o seu breve repertorio común e revisitaron temas propios a dúas voces con moita solvencia. Semella claro que os dous están contaxiados dunha certa estética Dylaniana ,e os músicos fixeron gala de oficio e tocaron todo o tempo para eles mesmos , coma se o público non existise nun concerto que rozou por intres o acústico. Se hai complicidade entre eles quedará para escenarios máis acolchados. Faltou emoción pero no fondo foi vibrante e pagou moito a pena. Na Capitol , cun chisco máis de fume e cun copazo houbera sido perfecto.

martes, 27 de noviembre de 2007

jueves, 22 de noviembre de 2007

Cartas perdidas.


Chegan ó noso buzón cartas de xente que non coñecemos . Xente que viviu nesta casa e que tamén se mudou. Non son cartas de amor ,que xa me gustaría , son facturas de financieiras, avisos de certificados , recibos do banco e catálogos de Punto Roma. Despois de quince cambios de casa sigo sen saber que facer con esa correspondencia perdida . Dame cousa tiralas ó lixo pero non me queda máis remedio. Por certo , que ofertazas teñen en xerseis de rombos os de Cortefiel.

martes, 20 de noviembre de 2007

Mercadonio


Dende pequeno me chamou a atención a voz que pon a xente cando fala por un microfono , especialmente se ese microfono é o da caixa dun supermercado. Será unha liguaxe propia da empresa que lles ensinan ó tempo que fan o cursillo de manipulador de alimentos , ou haberá un modulador de voz que fai que cando chaman reforzos ou piden un comercial para a liña panadería , soe como se falasen en verso. Mira que non pode haber nada menos poético que dicir " señorita Puri acuda a liña 3" , pero cando poñen esa voceciña danme ganas de sentarme e pasar códigos de barras toda a tarde.
Hoxe foi un dia moi duro no Banco e mesmo a min me diron ganas de chamar reforzos. Oxalá eu soupese falar en mercadonio.

lunes, 19 de noviembre de 2007

Por fin outono.



Amenceu un día triste de outono . Xa non lembraba o que era ver chover. Diante da nosa casa os empregados do Concello recollen unha e outra vez as follas das árbores caidas na noite anterior . Soplan dende moi cedo a herba coas suas ruidosas máquinas ,enfundados en traxes fosforitos. A cidade desperézase e estrena os primeiros charcos da tempada mentres xente camiña deprisa oculta baixo os seus paraugas .
De volta á casa , un chocolatiño, uns mimos e un pouco de calor. O outono tenche estas cousas.

domingo, 18 de noviembre de 2007

Tarde de domingo



Mi madriña que frío fai nesta aldea. Con Jana pasando a fin de semana na casa dos avós pareceme que non imos sair da casa en toda a tarde. Estamos preparados pra batir o record do mundo de sesta.

Almorzo



María quería que baixase a mercar pan fresco pra facer unhas tostadiñas de almorzo pero a min diume moita pereza. Decidimos desconxelar unha barriña. A próxima vez poremoslle un pouquiño menos de forno.

jueves, 15 de noviembre de 2007

Velcro


Xusto diante da porta de casa temos unha parada de autobus. Non é que moleste moito pero a calquera hora do día hai xente atascando a entrada ó edificio . Como queira que é unha parada moi concurrida e o sitio é algo xusto, non ten banco para sentarse así que sempre está ocupado o peldaño de entrada ó portal . Cando saimos con Jana , esta non pode evitar cheirar as orellas da xente que por non levantarse arrima cara un lado.
A semana pasada tivemos que cambiar a pechadura. Algun que se aburria agardando o bus fedellou nela ata estropeala. Seica pasa moi a miudo. Outra das versións veciñais sosten que ó apoiarse contra a porta todo o rato non hai pecho que aguante.
O caso é que os poucos días de repartir novas chaves a todos os pisos, a algún veciño ocurriuselle unha extrana e maquiavélica idea pra evitar que xente sente na entrada. Unha mañá apareron pegadas no granito da entrada duas tiras de velcro todo ó longo de esta . O que se prentende supoño eu que é que á xente se lle pegue o cu e quede a vivir no noso portal.
Se non funciona proporei na próxima reunión de veciños electrificar a entrada ou baixar uns sofás pra que a xente agarde cómoda polo Cudeiro-Residencia.

Adxudicado



Saquei a cinta métrica , engancheina cun ferro na parede do fondo e estireina con moito coidado. 5,50 metros. Non sei se será moi boa idea pero prefiro equivocarme a arrepentirme. Compramos cacharro.

miércoles, 14 de noviembre de 2007

4,725 mts



Chegou o momento... Estou a piques de facer unha burrada.

martes, 13 de noviembre de 2007

Ponderoso II

Non moi lonxe de Tamallancos , durmido un garaxe , agarda un Mercedes 230E do ano 83.
A tentación de mercalo é enorme , e a distancia que nos separa nestes intres son os casi cinco metros que mide. Difícil decisión . Mañá armado dunha cinta metrica comprobarei se é factible traelo para a casa e deixalo madurar uns aniños máis. Será un simple metro o que despexará as dúbidas, e no peor dos casos fará que estas se multipliquen.
Será este un simple antoxo propio dun neno grande en plena crisis dos trinta? Quedará esquecido simplemente facéndolle compañía a Ponderoso.?
Prégase opinión sinceira.

Pasou o dia , pasou a romeria.

Nada une máis á xente que unha boa parrilla chea de churrasco.
Penso que de todas as festas do ano o magosto é a que máis simpatias desperta moi por encima do Nadal. Boa proba delo é que a moita xente as luces do Nadal , as panxoliñas e todo ese ambiente entristecena. Sen embargo non se coñecen casos de xente á que lles poña triste o chourizo asado , as castañas ou o lacón.
O sábado foi un día de moitas risas , de reencontros e de primeiras veces , pero sobre todo foi un día cun fondo pouso a amizade. Non puido estar todo o mundo e quedaron sen vir alguns amigos pero entre uns e outros xuntámonos 19 persoas a carón do lume e o xantar.
Coma sempre sobrou comida pra outros 19 nunha longuisima mesa baixo un triste sol de outono.
De asar a carne encargouse Victor (que pra iso foi medallista en churrascos ) coa axuda de Roberto.
Unhas cousas tiveron máis éxito ca outras. Así por exemplo a trenza de froitos secos que trouxo Espe pasou coma un lóstrego pola mesa e a min non me diu tempo a probala. Sen embargo as castañas esmoreceron nas brasas sen que ninguen as extranase.
Para a posteridade quedará o bocadillo de chourizos criollos que fixo Carlos e que canto máis o miro máis me lembro dos que nos facían comer as nosas nais cando éramos nenos fai mil anos.
O fin de festa , xa na noitiña , puxoo un xoguete infantil que trouxo Serafín e que nos fixo rir e berrar a partes iguais. A tensión e o asombro resúmense nesta foto.
A verdade é que a vida tería que ser sempre así , coma un sábado de outono cheo de amigos.

miércoles, 31 de octubre de 2007

Magosto


Achegase o San Martiño e temos que ir pensando en preparar o Magosto. Ide sacando os calendarios que moito me temo que a negociación da fecha vai ser complicada . Este ano encargarémonos nos da organización de tan importante evento. As castañas e os chourizos xa están encargados .

martes, 30 de octubre de 2007

Por fin.

Por fin despois de mil pelis de terror descafeinado atopamos unha que nos puxo os pelos de punta. Dun tempo para aiquí e afeizoámonos ó canal Dark e vemos máis mortos que no telediario. Xa pensabamos que todo ía ser sanguento: "Inocentada sanguenta" ,"Campamento sanguento","Praia sanguenta"... Pero hoxe estabamos tan tranquilos zapeando entre House e O padriño II, cando petamos cunha titulada Reeker. Ó principio semella algo así como terror adolescente con cinco mozos perdidos no deserto ,pero case se nos atraganta a cea entre tanto tipo cortado polo medio coma se fosen salchichóns , tanta porta que se abre de golpe e tanta salsa de tomate. A cousa vai dun demonio que gasea á xente e pasaa por unha minipimer que ten enganchada no muñón. O peor destas cousas é que te solidarizas cos protagonistas e non das cambiado de canal coa preocupación , coma se puideses axudarlles . O que máis odio non son as visceras nin a casquería en xeral senon que poñan tanta música de violonchelo e tantos platillos nas escenas de tensión.
A partir de mañá desenganchámonos.

miércoles, 24 de octubre de 2007

Horas


Escápase o tempo. Non nos chegan as horas a nada. Cando paramos a descansar xa son as once da noite. Esto fai que a vida sexa máis complicada do que nos gustaría.
Hoxe seguindo o noso plan de adelgazamento fumos xogar ó tenis a Tamallancos. Pegamos unhos cantos pelotazos , mandamoslle unhas canastas e diume tempo de patear o meu balón de rugby e embarcalo na finca do veciño. Adelgazar non sei se adelgazaremos pero polo menos pasamolo ben. A pena é non ter máis tempo para estar xuntos , dar paseiños e tomar cafés no Trampantojo.
No medio desta trapallada de vida , o mellor momento é cando chegamos ó sofá e conectamos a canle de pelis de terror e quedamos dormidos mentras descuartizan algun chino.

martes, 23 de octubre de 2007

Sobrecarga.


De todas as trapalladas que mercamos en Ikea o máis absurdo foi con diferencia a báscula. Pesámonos nada máis chegar á casa e dixemos : "bueno , non estamos tan mal". O malo é que ó baixarnos en vez de quedar no cero , parouse en menos catro. Unha vez regulada o desastre foi total . Sobrannos 11 kilos. Tres a Maria , seis a min e dous a Jana.
Pesámonos ó día seguinte sen almorzar e en pelota picada co propósito de ir adelgazando ós pouquiños. Por desgracia escribo estas liñas diante dun arroz tres delicias , un rollito primaveira e unha de porco agridulce. O que se ven chamando dieta china.
Menos mal que estes chinolis están en todo e o porco resulta ser polo.

martes, 16 de octubre de 2007

Debuxante na rua



Un claro exemplo de diversidade cultural que so e posible ver en lugares coma Porto. Un cuadro de Xesus e outro de Bin Laden . A escoller e polo mesmo precio. Se a este bo home se lle da por facer a exposición en Manhattan remataría cunha pedra ó pescozo no fondo do rio Hudson. Portugal is different.

Porto. Dia 1.

Facía moito tempo que non viaxabamos a Portugal pero ó pouco de chegar lembrei a razón desta longa pausa.
Mi madriña que caos de tráfico , que falta de sinalización , que barullo total.
Chegamos a media mañá a Oporto e tardamos algo así coma unha hora en atopar o hotel e eso que estaba a carón do Estadio das Antas. Dende que o vimos ata que aparcamos percorrimos uns cinco kilometros todos eles en glorietas . Eso sí , o hotel pagaba a pena. O diseño era un chisco minimalista pero acolledor e a habitación parecía sacada dunha revista de decoración.
Oporto era todo o contrario . Fermosísimo na sua decadencia, sucio , esquecido e traspirando tristeza por todas as esquinas.
Dimos un paseo longuísimo ,comimos unha pizza e fixemos compras no centro comercial. A media tarde fumos buscar o coche e tras dar unha volta por o parking e non atopalo , descubrimos que nos confundíramos de parking.
Outra vez atasco e para o hotel.
Pola noite fumos cear a carón do rio nun restaurante de cristal en Vilanova de Gaia. Puxeronnos os típicos entrantes portugueses a base de manteiga , paté de sardiña e aceitunas con allo. Eu comín tanto pan untado que cando chegou a cea xa estaba farto. A cea en sí era unha cousa lixeiriña , moi propia para unha dixestión tranquila: "a francesiña" .Eu nunca o tomara pero naquel prato había grasas e calorías pra manter Somalia un mes. So con mirar para ela xa engordabas.
A pesar de todo dimos rillado algo máis da metade . Non pedimos postre e eso que servían o xeado cunha bandeira española coa aguia imperial a modo de cortesía pros turistas .

miércoles, 10 de octubre de 2007

Poboacion.


É un feito estadístico imposible. No mundo hai 1300 millóns de chinos , o que significa que unha de cada cinco persoas é chinesa. Por outro lado en Faramontaos hai unhas 150 persoas , unha porcentaxe de poboación infinitesimal. A cousa non ofrece moitas dúbidas . Bueno pois ó caldeiro coas leis estadísticas , cada vez que saio , non importa a donde vaia , sempre atopo a un de Faramontaos. Xa pode ser en Madrid , en Sevilla ou no Monte do Gozo , sempre hai un de Faramontaos sacando fotos e con cara de despistado. Terrorífico.

domingo, 7 de octubre de 2007

Rosa chicle.


Estamos de reformas no piso , mudando lamparas , retirando mesiñas camilla e todas esas cousas. O que menos nos gustaba era o baño así que mercamos unha pintura especial para azulexos. Deixáronnos un muestrario de cores e decidímonos por un malva suave. Bueno , eso pensábamos. Cando rematamos de pintar e secou a cousa resultou ser un rosa chicle chillón e brilante. Hai unha semana que lle damos voltas pra ver de arranxar este desaguisado. Ata entón non se reciben visitas.

viernes, 5 de octubre de 2007

Pantasma


Existe a vida despois do Plan Prever?. Eu penso que é imposible pero o pai de María di que viu aparcado nunha rua de Ourense o Ford Fiesta que entregamos hai tres meses cando merquei o meu coche, e que ía pro desguace . Todo coincidía , a matrícula ,as pegatinas, ata os rabuñazos e o titanlux roxo que os cubría. Poderá ser que chimpasen ó lixo os papeles de baixa do coche porque alguén lles diu máis de cincocentos euros por el ? .Trataráse dun doble ?, dun coche pantasma?
Pregase axuda ós internautas pra averiguar que hai de certo nesta aparición mariana.

Bascula

Unha cousa parece clara : precisamos unha dieta. Non terei que agardar ós resultados das análisis que fixen o xoves pra confirmalo . Cando o doutor me dixo "vas a un gimnasio , verdad ? " pensei que se estaba rindo de min pero non , resulta que estaba lendo os datos que eu lle dira hai dous anos. Menuda vergoña.
De mañá non pasa que merquemos unha báscula . Non vai ser sinxelo baixar michelins xa que a nosa vida e tan desordeada que por momentos roza o caos pero ese é o noso proposito. María que é moi optimista comprometeuse a mercala ela e quere unha dixital que mida en gramos. A min ben me valía unha que fose de cinco en cinco kilos.
Hoxe pola noite , pra facilitar as cousas fumos cear a un buffet libre de chinolis que abriron en Ourense . Comida sana , sana. Mellor empezar a dieta xa farto e con peso abondo pra que non sexa tan complicado baixar. Se empezas con fame vas aviado. Neste tipo de choios a moral é importantisima.

miércoles, 3 de octubre de 2007

Colesterol

















Mecajinsandiez. Mañá tocame facer de volta a analítica para o choio e hoxe non se me ocurre mellor cousa que ir de pinchos. O colesterol xa o ía ter alto igual pero ben lle puiden aforrar o pincho de orella.
Esto das probas médicas é un lio. Unha vez coñecín un homíño que quince días antes de cada revisíon médica se puña a dieta. So comía verduras e non tomaba nin gota de alcohol. E todo porque unha vez cadroulle ir ó medico despois das festas do pobo e a doutora díxolle que estaba alcoholizado. Eu a tanto non quería chegar pero e que a orella vai sair na foto que nin pintada.

martes, 2 de octubre de 2007

Ikea

Andamos a planificar unha viaxe a Ikea pra facer unhas compriñas que lle muden algo a cara ó piso. É ben certo que esto non parece xa o fogar dos Alcantara como dixemos en post anteriores , pero sigue habendo cousiñas que mudar.
Como o de mirar catálogos por internet é un auténtico coñazo pensei en solicitar un por correo. Pero mira ti por donde atopei unha tenda en Ourense donde o venden cun pequeno recargo do 50%. De todos os sitios donde o buscaría este sería o derradeiro pero os mundos do comercio son insospeitados. Entre dedales , chaveiros e panos de cociña coa receita do caldo ou o conxuro da queimada pensaron que sería un bo negocio revender estes catálogos a 250 km do Ikea máis próximo.
Así as cousas e se nada se torce iremos a fin de semana da ponte a pasar un par de días a Porto e encher o coche de cacharrería. Sabede que aceptamos encargos pequenos. Repito : pequenos.

lunes, 1 de octubre de 2007

Casting.


Jana faise maior e a cuestión da sua descendencia estase a voltar un tema recurrente. De momento por sorte non temos sitio nin ganas de multiplicar a nosa prole pero o tempo vai correndo. En fin , que un ano destes haberá ir pensando en facer un casting.

Traballos populares

Non foi un gran ano nos dominios dos Rivas alá por Casas dos Montes. A viña seguía coidadiña igual que sempre pero a colleita foi escasa. Apenas 29 sacos , nin a metade dos que apañamos o ano pasado. Con todo o choio que lle da e os cuartos que gastan indo e vindo a esta viña de alta montaña ben seguro que poderían mercar trinta caixas de Faustino V pero estas cousas sonche así.
Chegamos a media maña , cando xa estaba todo vendimado. O único que quedaba era apañar mazás e carretar os sacos para o camión. Había ben máis mazás que viño e houbera sido mellor idea facer sidra pero a ninguen se lle ocurriu.
Comimos churrasco e unha empanada que sabía a gloria e de volta pra Ourense que o lombo non está para moitas alegrías. En fin , que entre cousa e cousa xa pasou outro ano.

domingo, 30 de septiembre de 2007

Comunidade.



Seica non somos a única comunidade con problemas de convivencia. En todas partes cocen fabas. Por sorte a nosa veciña sorda do piso de arriba cambiou as pilas do Whisper XL e non voltamos a oir a sua radio.

viernes, 28 de septiembre de 2007

Axenda musical.



















Hoxe no medio dunha mañá horrible , chegaron duas mensaxes seguidas ó meu teléfono. Dous amigos distintos avisándome de concertos en Galicia. Por un momento pensei se me suscribira sen querer a algún servicio de alertas por SMS de kiss FM ou algo así.
Por sorte non coinciden no tempo e tal vez me anime a ir a ambos. De calquera xeito se teño que escoller non o dubidarei. Este Jorge é moi bo pero un pouco pachocho.

jueves, 27 de septiembre de 2007

Gañan.


Non era intención destes blogueiros entrar en debates cos lectores pero é que o derradeiro comentario de bolboreta , como ela mesma di , da moito xogo. O tema en cuestión xira en torno a unha das persoaxes televisivas máis populares no mundo do cable e que pasa agora á tv pública: O gañán.
É indiscutible que non a todo o mundo lle fan gracia as mesmas cousas pero nesta casa , ese tipo de humor absurdo ten moito éxito.
O gañán e o parente da aldea que todos quixeramos ter .Un tipo simpatico e sen malicia que anima as festas pero que non nos gustaría atopar no Parque de San Lázaro cando imos coa moza.
Eu sen ir máis lonxe teño na oficina tipos coma estes a centos e o pior de todo e que eses si que son de verdade . Por eso nos resulta tan gracioso e chocante á vez , porque ainda que moitos pensen esas parvadas xa non queda moito quen as diga.
Se eu contara as burradas que escoito cada día no Banco non o creeríades. Esta semana pasada por exemplo unha clienta para en vez de dicir petate dixo "petaculo".Outro contoume que ía ó Concello a "impulsar" un documento. Os atentados ó diccionario non terían fin. Unha señora o ano pasado quixo abrir unha conta dunha comunidade sen que fose a nome de nadie en concreto e cando lle dixen que eso era imposible soltoume :"¿e non podemos por o nome dun chino?". Nestes casos o acto reflexo é buscar a cámara oculta.



Para os que non coñezan ó Gañán (que me parece imposible), colgamos un dos centos de videos que colgan no youtube , algún dos cales ten máis de un millon de descargas: Como ligar: