domingo, 19 de agosto de 2007

Partido solteiros contra casados

Nada une máis a un pobo que o partido de futbol entre solteiros e casados. Descoñezo se esta tradición se da tamén noutros países pero case apostaría a que non. Gústame pensar que é algo noso , como as pulpeiras ou a empanada de xoubas.
Os solteiros son por natureza máis deportistas que os casados , pero estes últimos soen tomar máis en serio os torneos. Casarse volve a ún máis competitivo e sinten a necesidade de amosarlle ós rapaces novos que a pesar dos anos , debaixo da barriga cerveceira , sigue habendo unha promesa do futbol amateur.
Así xente que en todo o ano non pon máis pantalón corto que o do pixama , saca a camiseta do Real Madrid de cando xogaban Gordillo e Chendo e lanzase ó lameiro a pegar patadas ó aire.
Seica en Tamallancos , polo que se dixo dende o palco o día da verbena , había ata "mister" no equipo dos solteiros , e ata un árbitro. Non é o normal. O normal si é que hai algo normal nun grupo de homes correndo tras un balón e berrando , é o sistema de xogo tipo patio de colexio. Todos arriba , todos abaixo . Os que saen do banquillo son sempre dianteiros e os que se van cansando pasan á defensa. O trofeo é o de menos , o importante de gañar é poder rirse do equipo contrario durante todo un ano.
No único partido ó que fun , hai xa moitos anos , había na banda un caldeiro dos da vendima de whisky con coca-cola, e os xogadores paraban pra repostar cada pouco. Aínda hoxe non me explico como non houbo feridos.

No hay comentarios: